Ferramentas e persoais
Startup
13 abr 2026
7 minutos
Autor/a:
Example
Plataforma ONE
Tema

Checklist para falar con axentes investidores

Descobre como a Plantilla Checklist para falar con axentes investidores che axuda a preparar as túas primeiras conversas dun xeito realista e ordenado, facilitando que todo o equipo siga un proceso claro, coherente e adaptado ao momento actual da túa startup.

inversores

A Plantilla Checklist para falar con axentes investidores é unha guía práctica deseñada para acompañarte nas fases previas a un proceso de procura de investimento, xa sexa en roldas pre seed, seed ou noutras etapas temperás.

O seu obxectivo é axudarche a identificar se a túa startup está realmente preparada para iniciar conversas con axentes investidores e que aspectos convén traballar antes de comprometer tempo do equipo, recursos ou expectativas sobre unha posible rolda. A plantilla está estruturada en fases que percorren as áreas clave que os investidores avalían en etapas temperás.

A diferenza dun manual teórico ou dun documento extenso, esta checklist funciona como unha folla de verificación clara e utilizábel, pensada para revisar de forma rápida o estado do proxecto, facilitar a aliñación interna do equipo fundador e servir como guía para preparar reunións, demo days ou procesos de contacto con axentes investidores.

Seccións da plantilla explicadas en detalle

En primeiro lugar, é necesario definir os elementos básicos da procura de investimento: nome do proceso, tipo de rolda, datas obxectivo, persoa responsable, obxectivo da rolda, uso prioritario dos fondos, perfil de axente investidor obxectivo, materiais dispoñíbeis e criterios para avanzar ou pausar. Esta información inicial axuda a ordenar o proceso desde o inicio e a evitar conversas improvisadas ou desaliñadas. Ademais, permite evitar desviacións internas e definir criterios obxectivos antes de iniciar reunións con axentes investidores, facilitando unha mellor toma de decisións dentro do equipo.

A checklist organízase a continuación en oito fases, que cobren os elementos clave que os axentes investidores adoitan analizar ao valorar un proxecto. Cada fase permitirache detectar fendas, reflexionar sobre a madurez do proxecto e tomar decisións informadas antes de iniciar ou continuar conversas.

1. Problema e proposta de valor: esta fase revisa se o proxecto parte dun problema real, relevante e ben entendido, se a proposta de valor responde directamente a ese problema e se existe unha diferenciación clara fronte ás alternativas actuais. Permite validar se o punto de partida do proxecto é sólido e comprensíbel, mesmo para persoas non expertas no sector.

2. Mercado e oportunidade: analiza se existe unha oportunidade de mercado real e accesíbel, se o mercado obxectivo está ben delimitado, se se estimou o seu tamaño e se o proxecto entende o contexto competitivo. Tamén axuda a reflexionar sobre o momento do mercado e sobre a capacidade real de chegar aos primeiros segmentos de clientes.

3. Tracción e validación: esta sección céntrase nas evidencias dispoñíbeis como son as validacións con clientes ou persoas usuarias, os pilotos, o uso, as vendas e as métricas chave. Non busca esixir cifras complexas, senón comprobar se o proxecto pode demostrar aprendizaxes e evolución baseada en datos, alén da idea inicial.

4. Modelo de negocio e crecemento: avalía se o modelo de negocio é claro, comprensíbel e sustentábel; se se coñecen os custos principais, as marxes e as palancas de crecemento; e se o proxecto é capaz de explicar como escala sen complexidade excesiva. Esta fase conecta directamente coa viabilidade do proxecto desde unha perspectiva investidora.

5. Equipo e capacidades internas: revisa se o equipo fundador está aliñado, se existen responsabilidades claras, se se cobren as funcións chave e se o nivel de compromiso é acorde co proceso de investimento. Tamén permite identificar se as capacidades do equipo son complementarias e se existe un plan para reforzalas cando sexa necesario.

6. Narrativa e materiais de investimento: esta fase céntrase en como se conta o proxecto, a coherencia entre relato e datos, a claridade da mensaxe, a adaptación ao perfil do axente investidor e a consistencia entre presentacións, conversas e materiais escritos como o pitch deck.

7. Estratexia de rolda: analiza se o proxecto ten claro canto capital precisa, para que, a que tipo de axente investidor se dirixe e por que ese tipo de rolda encaixa co seu momento actual. Tamén axuda a reflexionar sobre o timing e sobre a estratexia de aproximación a axentes investidores.

8. Riscos e xestión do proceso investidor: a última fase invita a identificar os principais riscos do proxecto, a valorar como comunicalos con transparencia e a preparar o equipo para a duración, a incerteza e os posíbeis rexeitamentos do proceso. Inclúe tamén a reflexión sobre como xestionar a procura de investimento sen que afecte a operativa diaria.

Poñ en práctica a Checklist para falar con axentes investidores 

Esta checklist axúdache a identificar se a túa startup conta coas condicións necesarias para iniciar conversas con axentes investidores ou se, pola contra, convén reforzar algúns aspectos antes de dar ese paso. O seu propósito é ofrecer unha visión honesta, práctica e ordenada do estado actual do proxecto, tendo en conta tanto a preparación interna —estratexia, equipo, modelo de negocio ou narrativa— como os elementos externos que inflúen nun proceso de investimento.

A través desta ferramenta poderás detectar fortalezas, identificar áreas de mellora e priorizar os próximos pasos, abordando as conversas con axentes investidores desde un enfoque máis sólido, realista e aliñado co momento do teu proxecto.

Prepara as túas próximas conversas con axentes investidores e descarga a Checklist para falar con axentes investidores. Descobre máis ferramentas listas para usar na sección de contidos da Plataforma ONE.

Descargar documento

Checklist para falar con axentes investidores

Formato: .pdf. 101.43 KB

Queres publicar contido novo na Plataforma ONE?

Escríbenos!