- Startup
- Persoa interesada no emprendemento innovador
Falamos con Laura Sanz, directora de operacións especializada en programas de emprendemento, aceleración e innovación
Conversamos con Laura Sanz, directora en programas de emprendemento e innovación, sobre os erros máis habituais das startups, os factores que impulsan o seu crecemento e as claves para construír proxectos sostibles a longo prazo.
Nesta entrevista, falamos con Laura Sanz, directora de operacións especializada en programas de emprendemento, aceleración e innovación, con máis de 15 anos de experiencia liderando proxectos para administracións públicas, corporacións e ecosistemas emprendedores. Ao longo da súa traxectoria traballou impulsando a conexión entre startups, institucións e axentes clave da innovación, acompañando a equipos emprendedores en distintas etapas de crecemento e participando no deseño e xestión de programas de apoio ao emprendemento.
Durante a conversa, comparte a súa visión sobre os factores que converten unha idea nun proxecto capaz de xerar impacto, os erros máis frecuentes que cometen as startups e as claves para manter o foco nas primeiras fases de desenvolvemento. Desde a súa experiencia, defende que o éxito non depende tanto da idea como das persoas que a impulsan, da súa capacidade para escoitar o mercado, aprender rápido e adaptarse aos cambios. Como explica, "os equipos que se consolidan non son os que nunca se equivocan, senón os que converten cada erro en información útil".
Tamén reflexiona sobre a importancia da escoita activa ao cliente, a construción de equipos sólidos, a creación de procesos que permitan escalar de forma sostible e o valor das redes de apoio, a colaboración e os programas de aceleración. Ademais, analiza que recursos precisan hoxe as startups para medrar con maiores garantías e o papel que pode desempeñar a Plataforma ONE como espazo de conexión entre persoas emprendedoras, entidades de apoio, corporacións, administracións e axentes investidores. Unha conversa centrada na realidade práctica de emprender, onde destaca unha idea por riba de todas: "fala cos teus clientes moito, con regularidade e con ganas de escoitar de verdade", unha recomendación que resume a súa forma de entender o crecemento e a toma de decisións nas startups.
No ecosistema emprendedor fálase moito de ideas disruptivas, pero non todas conseguen converterse en proxectos sólidos. Que adoita marcar a diferenza entre unha boa idea e unha iniciativa capaz de avanzar, consolidarse e xerar impacto?
Desde a miña experiencia vin ideas brillantes quedar polo camiño e outras máis sinxelas chegar moi lonxe. Nunca creo que a idea sexa o que marca a diferenza, para nada, senón as persoas que hai detrás. Sobre todo a forma na que esas persoas levan a idea á realidade.
Os equipos que avanzan son os que se atreven a saír pronto a falar coa clientela. Sei que iso dá moito vertixe, pero é o que hai que facer. Ao final estás emprendendo e a vertixe é parte da viaxe. E sobre todo tamén aceptar con humildade que o seu enfoque inicial vai cambiar. Ás veces cambia pouco e ás veces cambia por completo. Saber ler eses sinais a tempo é unha das competencias máis valiosas dun equipo emprendedor.
Unha idea disruptiva sen un problema real detrás queda nese, nunha idea bonita. En cambio, cando alguén resolve algo concreto que a outra persoa lle importa de verdade, aí si hai proxecto.
Outro factor que vexo e que creo que é fundamental é a capacidade de aprender rápido. Os equipos que se consolidan non son os que nunca se equivocan, senón os que converten cada erro en información útil e axustan o rumbo sen perder tempo defendendo o que xa non funciona. Para iso fai falta método. E este método consiste en formular hipóteses, probalas con pouco custo e medir o que acontece.
Por último, si que me gustaría facer referencia tamén á constancia, que quizais é o menos visible, pero tamén é do máis valioso. Seguir adiante cando pasa a ilusión do principio. É esa constancia e ese poder permanecer sen desfallecer. Consolidar un proxecto leva anos, non leva meses, e hai que soster ese esforzo cando chegan os primeiros non ou cando as cousas van máis amodo do previsto ou do que un tiña na cabeza. Aí é onde para min comeza a construírse o impacto.
Tras acompañar a numerosas startups en distintas etapas, cales son os erros máis frecuentes que observas nos equipos emprendedores e que ensinanzas se poden extraer deles?
Antes de nada gustaríame dicir algo, e é que equivocarse non é un fracaso, é parte do camiño. Todos os equipos que acompañei equivocáronse e todos eles saíron súper reforzados desas equivocacións. O importante non é evitar o erro ou ter medo ao erro, senón detectalo pronto e aprender del.
Dito isto, para min hai tres erros que vexo con frecuencia.
O primeiro é namorarse da solución e non do problema, e pasar meses construíndo sen escoitar a quen o vai usar. Cando por fin o produto sae ao mercado, descobren que non responde ao que o cliente precisaba. Para min a ensinanza é clara: canto antes valides, menos custa corrixir.
O segundo erro é querer chegar a todo á vez, con mil frontes abertas e moi poucos recursos. Varios segmentos de clientes, moitas canles, funcionalidades sen fin. Esa dispersión esgota o equipo e dilúe moitísimo os resultados. Así que enfocarse nun cliente e nun problema concreto e facelo moi ben é o que despois abre o camiño para medrar.
E o terceiro erro, quizais o máis delicado, son as conversas pendentes entre persoas socias sobre roles e expectativas, que acaban pesando cando o proxecto medra. Ao principio todo vai ben e parece innecesario falalo, pero dedicación, responsabilidades ou reparto son temas que convén deixar claros desde o inicio, con honestidade e por escrito. Iso protexe tanto a empresa como as relacións persoais.
Por exemplo, a miña primeira etapa profesional foi en análise de riscos e iso ensinoume moito a anticiparme. Case todo se pode detectar a tempo se se escoita e se fala con honestidade. Hai unha frase de Thomas Edison que me gusta moito: “atopar o que non funciona tamén é avanzar. O verdadeiro erro é tardar demasiado en decatarse”.
Moitas persoas emprendedoras senten que deben atender ao mesmo tempo produto, cliente, financiamento e equipo. Como se pode priorizar, tomar decisións e manter o foco nas primeiras etapas de crecemento?
Esa sensación de ter que estar en todo é moi real e completamente normal como parte do proceso. Emprender nas primeiras etapas consiste niso, en ser un todoterreo con miles de cousas na cabeza, intentando organizar moitas tarefas, poucas mans e a impresión constante de que todo é urxente.
Para min, o que máis axuda na miña experiencia é darse permiso para non facelo todo á vez. Pararse a pensar cal é o obxectivo máis importante nese momento: validar, conseguir os primeiros clientes ou demostrar que repiten. E preguntarse ante cada decisión se te achega ou te afasta del.
Esa pregunta tan sinxela axuda moitísimo a ordenar o día a día e a decidir con máis tranquilidade. Tamén elixir poucos indicadores, revisalos con calma e aprender a dicir que non. Hai oportunidades que brillan moito, pero ao dicir non quítaste moito ruído. Tres ou catro indicadores revisados cada semana adoitan ser suficientes para saber se vas polo bo camiño ou non.
Un evento, unha alianza ou un cliente que non encaixa co teu foco pode consumir unha enerxía que precisas para outras cousas esenciais. Así que diría tamén que repartir ben as responsabilidades dentro do equipo alivia moitísimo. Ninguén ten que cargar con todo. Cando cada persoa sabe do que é responsable, decídese máis rápido e trabállase con moita máis confianza.
Iso véxoo día a día desde operacións. Un pouco de orde non quita creatividade; ao contrario, devolve tempo e tranquilidade para o que de verdade importa. Rutinas sinxelas como unha planificación semanal, un breve seguimento do acordado ou un espazo para revisar o aprendido parecen cousas moi simples, pero marcan unha diferenza enorme nas primeiras etapas.
O financiamento adoita ocupar gran parte da conversa emprendedora. Porén, que outros factores consideras determinantes para construír unha empresa capaz de medrar de forma sostible a longo prazo?
Entendo que o financiamento ocupe tanto espazo porque detrás hai moitísima presión e moitas noites sen durmir tamén, pero gústame lembrar que os cartos aceleran o que xa funciona, non fan que funcione algo que non funciona.
Con isto si que me gustaría facer referencia a catro piares que para min sosteñen unha empresa a longo prazo.
O primeiro sería coñecer moi ben a túa clientela e seguir escoitándoa. Os mercados e as necesidades cambian, así que esa escoita non remata coa validación inicial. É o que permite que o produto evolucione na dirección correcta.
O segundo é ter claros os teus números: canto che custa conseguir un cliente e canto valor che achega. Moitas startups medran en vendas mentres perden cartos con cada cliente e iso non é sostible no tempo.
Como terceiro piar diría coidar o equipo, con talento complementario e cunha cultura que aguante os días difíciles. As persoas son as que sosteñen o proxecto cando as cousas se complican e reter e motivar a quen xa está dentro é tan importante como atraer talento novo. Esa parte de coidar o equipo creo que é fundamental. Sen persoas motivadas, queridas e valoradas, as cousas non funcionan.
E como cuarto piar estaría construír procesos que che permitan medrar sen que todo se desborde. É algo moi normal nas startups, que de repente non teñen eses procesos ben definidos e empeza o desbordamento e o caos. Iso é algo que se adoita subestimar. O que funciona con dez clientes non funciona con cen. Ordenar a operación a tempo evita moitísimos problemas cando chega o crecemento.
Por último, engadiría as relacións. Traballei con administracións, fundacións e corporacións e, unha e outra vez, comprobo que a confianza e as alianzas abren portas que os cartos non abren. Falo de clientes, socios e socias, visibilidade e coñecemento. Cando iso está no seu sitio, o financiamento adoita chegar e ademais chega en mellores condicións, porque se negocia desde a solidez e non desde a urxencia.
Simplemente diría que si, o financiamento é moi importante, pero hai que mirar todas estas cousas antes.
Que características comparten os equipos emprendedores que mellor aproveitan os programas de aceleración e acompañamento?
Tiven o privilexio de vivir programas moi diferentes, tanto a nivel público como privado, dentro e fóra de España, e en todos eles vin que os equipos que máis gozan e máis aproveitan comparten algo: chegan con curiosidade e con preguntas concretas.
Saben que queren resolver durante eses meses, xa sexa validar o seu modelo de negocio, mellorar a súa estratexia comercial ou prepararse para buscar investimento. Utilizan cada recurso do programa con ese obxectivo en mente.
Tamén se deixan acompañar. Escoitan o feedback, aínda que ás veces doa, e convérteno en accións. Esa capacidade de pasar da conversa á práctica é probablemente o que máis acelera o seu avance.
Implicanse, preparan cada sesión e coidan os contactos que se lles presentan. Un programa ofrece moitísimas oportunidades, pero son os propios equipos os que deciden canto partido lle queren sacar. Chegan con avances, fan seguimento do acordado e aproveitan cada conexión.
Sobre todo, diría que entenden que un programa é unha comunidade. Apóianse no resto de equipos, comparten o que aprenden e crean vínculos que seguen aí moito despois de que remate o programa.
Vin nacer colaboracións comerciais, alianzas e mesmo amizades entre equipos dunha mesma edición. Para min iso é o máis bonito deste traballo: ver como as persoas se acompañan nun ecosistema que considero moi solidario e moi empático, no que axudar ao compañeiro é un valor indiscutible.
Se unha startup che pedise unha única recomendación para aumentar as súas probabilidades de éxito durante os próximos 12 meses, cal sería e por que?
Diríalle que falase coa clientela, moito, con regularidade e con ganas de escoitar de verdade, non só de vender.
Isto parece moi sinxelo, pero non o é. Ás veces falamos desde ese impulso de querer vender e o que hai que facer é escoitar de verdade e entender que quere a clientela. Soa sinxelo e precisamente por iso é o primeiro que se deixa de lado cando o día a día aperta.
Pero nesas conversas están case todas as respostas que buscas: que mellorar primeiro, como explicar o que fas, canto cobrar ou a quen dirixirte. Son respostas que che quitan incerteza e che dan seguridade para decidir. Deixas de basearte en suposicións e empezas a basearte en evidencias.
A clave está en facelo dunha forma sistemática. Non se trata dunha rolda de entrevistas ao principio e nada máis, senón de convertilo nun hábito. Preparar algunhas preguntas, escoitar máis que falar e compartir co equipo o que se aprende.
Tamén paga a pena falar con quen non che comprou ou con quen te deixou, porque aí adoita estar a información máis valiosa.
Ademais, de aí saen vendas, recomendacións e probas reais que logo che axudan moito con axentes investidores e socios (testemuños, casos de uso ou métricas de satisfacción). Nada convence máis que demostrar que hai clientes que valoran o que fas.
Se durante o próximo ano un equipo reserva un anaco cada semana para entender mellor ás persoas ás que quere axudar e actúa sobre o que aprende, estou convencida de que as súas probabilidades de éxito medran de maneira moi clara.
Que recursos, apoios ou ferramentas consideras que precisan hoxe as startups para medrar con maiores garantías de éxito? E como pode contribuír a Plataforma ONE a cubrir estas necesidades?
Creo que hoxe, ademais de novos recursos, que sempre veñen ben, as persoas emprendedoras precisan que alguén lles axude a orientarse entre os que xa existen.
Hai moitísimas axudas, programas e servizos, pero cando estás emprendendo é doado sentirse perdido e non saber que che encaixa segundo a túa etapa ou o teu sector.
Tamén precisan que se lles abran portas a clientes, grandes empresas, administración pública, talento e persoas con experiencia que lles acompañen nos momentos clave. A conexión coa innovación aberta nas corporacións e coa compra pública é, en moitos casos, a panca que permite dar un salto a unha startup.
Precisan formación moi práctica. No meu caso, despois de deseñar máis de 500 actividades formativas ao longo da miña carreira e de coordinar miles de sesións de mentoring con persoas expertas, sei que o que máis valoran é aquilo que poden aplicar ao día seguinte: contidos concretos, ferramentas útiles e persoas que viviran o mesmo ca elas.
Algo que ás veces esquecemos é que tamén precisan sentir que non están soas.
Persoalmente, nas centos de startups que vin, pertencentes a diferentes sectores, pymes, mulleres emprendedoras en contornos hostís, proxectos en contornos rurais ou iniciativas con tecnoloxías disruptivas e innovadoras, sei canto custa ás veces que os apoios cheguen a todos por igual.
A igualdade de oportunidades no acceso a estes recursos segue sendo un dos grandes retos do ecosistema.
A Plataforma ONE pode ser un punto de encontro. Pode ordenar a información, dar visibilidade ao que se fai en todo o territorio e conectar a startups, axentes investidores, corporacións, administracións e entidades de apoio.
Tamén pode orientar a cada persoa segundo o seu momento e facilitar que os programas compartan boas prácticas entre si.
En definitiva, canto máis doado sexa ese camiño, máis enerxía terán para o importante: facer medrar o seu proxecto.