- Startup
- Axente investidor
- Persoa interesada no emprendemento innovador
Falamos con Víctor Manuel Gragera Salcedo, director de Operacións da Cámara de Comercio de Cáceres e membro do Comité de Investimento de Cáceres Investor Hub.
Falamos con Víctor Manuel Gragera sobre como se constrúe economía real desde unha rexión con menor densidade emprendedora, que factores valoran os investidores ao analizar startups en fases temperás e como se atrae talento doutros territorios para medrar organicamente desde o local.
Nesta entrevista, falamos con Víctor Manuel Gragera Salcedo, director de Operacións da Cámara de Comercio de Cáceres e membro do Comité de Investimento de Cáceres Investor Hub —a primeira rede de Business Angels de Estremadura—, sobre como se impulsa o emprendemento e o investimento privado desde un territorio que está a fortalecer o seu ecosistema de emprendemento e investimento.
Ao longo da conversa, comparte as aprendizaxes acumuladas en máis de 25 anos dedicados á internacionalización, ao emprendemento e ao desenvolvemento económico, liderando actualmente programas de crecemento para startups en fases pre-seed e seed e participando na selección, análise e acompañamento de proxectos tecnolóxicos en sectores estratéxicos como a enerxía, a industria 5.0, o agrotech e o e-health.
Tamén reflexiona sobre os criterios de investibilidade e escalabilidade que aplica un fondo en fases temperás, sobre como se estrutura e se xestionan as tensións dun comité de investimento heteroxéneo e sobre os erros máis habituais que frean os proxectos que buscan financiamento. Ao falar destes procesos, insiste nunha idea clave: o investimento privado “basease moito na confianza”. Por iso defende un modelo no que o axente investidor non se limita a achegar recursos económicos, senón que actúa como “ese socio industrial, ese socio colaborativo que achega un valor claro”. Unha filosofía que resume a súa aposta por un ecosistema emprendedor sólido, construído desde o territorio e orientado a xerar valor a longo prazo.
Levas anos impulsando o emprendemento desde unha rexión con menor densidade de startups. Que sinais che permiten identificar cando un proxecto pode xerar economía real no teu territorio?
O primeiro sinal, sobre todo, é que o proxecto non quede nunha idea ou nunha tecnoloxía atractiva, senón que poida ter unha aplicabilidade directa na empresa e na industria local da rexión. Entendemos que o emprendemento debe servir para algo e debe resolver problemas reais do tecido empresarial que temos aquí.
Ese foi un dos propósitos cos que naceu Cáceres Investor Hub, a primeira rede de Business Angels de Estremadura, constituída por 16 persoas empresarias, cada unha delas prescritora e prospectora nos seus respectivos sectores de actividade. En moitas ocasións, a industria local de Estremadura non aplica directamente innovación aos seus procesos produtivos nin á elaboración dos seus produtos, e vimos que atraer persoas emprendedoras e startups doutros territorios que desenvolven solucións tecnolóxicas útiles para as empresas estremeñas podía ser unha forma eficaz de impulsar a innovación na rexión.
Por iso, cando nos plantexamos investir nunha startup, o primeiro que analizamos é que a súa proposta responda a un propósito moi claro e que veña solucionar problemas reais da empresa.
Desde Cáceres Investor Hub analizades proxectos moi distintos. Cal é o primeiro criterio que aplicas para decidir se unha startup merece avanzar no proceso de investimento?
O primeiro que adoitamos facer cando nos chega calquera tipo de proxecto é un screening inicial. Desde o fondo de investimento e o noso centro de emprendemento temos unha checklist onde imos validando e valorando, sobre todo, o estadio no que se atopa cada un deses proxectos. En función da etapa de madurez, suxerímoslle que realice algunha fase formativa ou de adquisición de capacidades e habilidades; e se chega nunha fase máis madura, dirixímolo á nosa fase de growth e escalado, que é onde entra en xogo tamén o noso vehículo de investimento.
Pero poñamos que nos atopamos cun proxecto nesas fases máis avanzadas, que está buscando sobre todo financiamento externo. Para nós hai dous aspectos clave. Un é a investibilidade: un proxecto pode ser moi interesante, útil, ter impacto e resolver un problema real da industria local, pero non necesariamente ser investible polo noso fondo. Ás veces atopamos proxectos moi interesantes, pero cunha valoración algo alta. O noso fondo ten un tícket medio de entre 50.000 e 80.000 euros aproximadamente, e cando aparecen valoracións por riba dos 4 millóns, preguntámonos: esta startup, cando vaia levantar a seguinte rolda, por canto ten que multiplicar a súa valoración para xerar rendibilidade no noso fondo? Isto é unha red flag para nós.
O segundo aspecto no que fixamos a nosa valoración é a escalabilidade. Dicía antes que o proxecto debe solucionar retos e desafíos da nosa industria, pero tamén precisamos que sexa escalable máis alá de Estremadura.
Construír un comité de investimento sólido non é trivial. Que roles son imprescindibles e como se estrutura un equipo que toma decisións en fases tan temperás?
A verdade é que o noso comité de investimento é moi heteroxéneo: atopamos perfís moi diversos, e esa multidisciplinariedade dos nosos socios e socias e dos membros que o forman xera unha riqueza moi ampla. A nosa rede de investimento está formada por 16 persoas empresarias de Estremadura, e o comité de investimento compóñeno 7 deses 16 membros. Aí atopamos quen ten un coñecemento profundo do sector de actividade no que pretendemos investir e, por outra banda, quen conta cunha contrastada e dilatada experiencia no mundo do investimento privado.
É certo que se xera un certo debate entre os propios socios e socias, e sobre todo o que intentamos defender é que a decisión do fondo responda a criterios completamente obxectivos. Deixamos atrás os intereses persoais que poida ter cada membro do comité.
Outra cousa que facemos é unha rotación dos propios membros do comité en función da tese de investimento que se está a analizar en cada momento. Se estamos ante un proxecto do sector da enerxía, intentamos que dentro dese comité estea algunha persoa investidora con experiencia e expertise nesa área temática. É algo que valoramos moito.
No investimento sempre hai tensións: expectativas, tempos, riscos. Que mecanismos utilizas para xestionar o conflito dentro do comité e manter decisións obxectivas?
En calquera comité imos atopar tensións e puntos de vista completamente distintos, porque o noso comité é moi heteroxéneo e os perfís son moi diversos. Pero creo que iso é bo. Hai que entender a tensión como parte do propio proceso de investimento. Se estivésemos todos de acordo desde o primeiro minuto, seguramente non estariamos analizando correctamente os proxectos e equivocaríamonos moito.
Teñamos en conta que Cáceres Investor Hub inviste sobre todo en proxectos en fases moi temperás, early stage, nunha fase máis pre-seed e seed. Iso moitas veces dificulta que o comité remate de ver o potencial de investibilidade, crecemento e escalabilidade dun proxecto, porque aínda non conta con métricas, tracción ou un grupo de clientes moi definido.
Unha das cuestións que intentamos, para que esa xestión da tensión sexa saudable, é separar o interese polo proxecto da decisión do investimento. Iso para nós é moi importante, e adoito apoiámonos nos nosos corporates colaboradores. Quizais non o mencionara antes, pero o noso fondo está moi verticalizado nos sectores produtivos de Estremadura. Hai catro verticais moi definidas: enerxía, saúde, agrotech e foodtech, que son os sectores máis importantes da rexión.
Para iso apoiámonos en centros tecnolóxicos que achegan moito valor: cando un proxecto está a ser analizado, pode realizar ensaios e probas de concepto nestes centros.
No sector da enerxía, por exemplo, contamos co Centro Ibérico de Investigación en Almacenamento Enerxético (CIIAE), un investimento do Goberno de España que se está a executar agora mesmo en Cáceres. Pretende ser o centro sobre o que pivote toda a investigación nos novos usos do almacenamento de enerxía, porque non se trata tanto de producir enerxía, senón de como almacenala cando non temos eses niveis de produción. Esas probas de concepto que require unha solución tecnolóxica pódense facer neste centro colaborador, e esa métrica moitas veces é de capital importancia para o comité á hora de tomar a decisión.
Na vertical da saúde contamos co Centro de Cirurxía de Mínima Invasión, onde se experimentan novas técnicas cirúrxicas e novo material instrumental que despois se aplica no ámbito da sanidade. Aquí, por exemplo, estívose testando e probando o robot Da Vinci para facer operacións cirúrxicas en remoto.
E na vertical de agricultura e gandería contamos coa colaboración do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Estremadura, un dos máis importantes no seu sector, que nos permite que esas solucións tecnolóxicas con aplicabilidade directa no campo —na mellora dos cultivos e das colleitas— xeren rendementos e eficiencia que redundan na competitividade do noso tecido empresarial, tanto no sector primario como no secundario e no terciario.
Viches moitos erros en proxectos que buscan investimento. Podes compartir un erro típico que frease unha startup e que impacto tivo no seu avance?
Moitas veces atopamos proxectos nos que, máis alá de que a idea poida ser interesante e incluso de que teñan unha tecnoloxía bastante prometedora, aínda non validaron o suficiente no mercado. Iso intentamos explicalo moito cos proxectos que forman parte dos nosos funnels, xa sexa no centro de emprendemento ou no fondo de investimento.
Outro erro frecuente nestas etapas tan temperás é que, ás veces, a persoa emprendedora nos fala moito da súa tecnoloxía. Adoitan ser perfís tecnólogos: cóntannos todas as funcionalidades do produto, pero non rematan de explicarnos cal é o problema que resolve. Ou atopamos equipos que non teñen un certo equilibrio entre a parte tecnolóxica e a parte comercial. A súa solución pode ser moi robusta e atacar directamente un problema real do tecido empresarial ou da sociedade, pero cando lles preguntas “isto como o vas monetizar?, como o vas vender?”, aí aparecen certas lagoas.
É tan importante ter unha boa solución tecnolóxica como que estea acompasada con como vou gañar cartos. Ao final, cando montamos unha empresa facémolo coa intención de gañar cartos, e cando investimos hai un dereito irrenunciable cara aos socios e socias do vehículo: devolverlles, multiplicado, o tícket inicial que depositaron na sociedade.
Outro erro no que poñemos foco é o cap table. Atopamos moitas veces cap tables pouco claros e confusos, onde xa observamos, incluso en etapas moi temperás, unha certa dilución do equipo fundador, e incluso advisors que teñen unha porcentaxe do capital da sociedade. Iso xéranos certa incomodidade. Teñamos en conta que a un proxecto en fases iniciais aínda lle queda moito camiño e moitas roldas por diante ata chegar a unha serie A; dilucións e cap tables moi complexos de inicio adoitan ser, para nós, unha red flag bastante importante.
Traballades con sectores estratéxicos como enerxía, agrotech ou industria 5.0. Que sinais che indican que unha startup está aliñada coas necesidades reais do tecido empresarial da rexión?
Sobre todo, o que buscamos é que a startup entenda que Estremadura non é só un lugar desde onde operar, senón un territorio desde onde medrar organicamente. Iso para nós é fundamental. Estremadura, como calquera rexión, en función da súa caracterización produtiva, ten uns retos e desafíos moi aliñados cos sectores que mencionaba: agricultura, gandería, industria agroalimentaria, enerxía e saúde. Interésanos moito que os proxectos nos que investimos estean moi conectados con estes retos reais, e que non vexan Estremadura só como unha parte do seu mercado, senón que veñan coa intención de integrarse e achegar valor ao local.
Por exemplo, da carteira de participadas que temos agora mesmo no vehículo —8 participadas— todas son de fóra de Estremadura. Aínda non fomos quen de estrearnos investindo nunha startup estremeña, e non é porque non queiramos, senón porque quizais aínda non vimos aquí ese proxecto que se axeite á tese de investimento e estea no momento de ser investido.
Pero impórtanos moito traccionar talento doutros territorios: temos startups de Barcelona, Zaragoza, Valencia, Albacete, A Coruña, Santander… E cando estas startups puxeron o ollo no noso fondo, fixérono con ese foco: máis alá dos cartos que poidamos achegar, valoran a nosa capacidade de axudarlles a medrar organicamente.
E aquí os resultados nótanse cando o encaixe é bo. A nosa primeira investida, por exemplo, é unha spin-off da Universidade de Barcelona dedicada á caracterización, valorización e revalorización de residuos. Decidiu que nós eramos o partner axeitado porque podiamos axudarlle moito nese crecemento orgánico. Tal é así que, con esta startup e a través da Cámara de Comercio de Cáceres, concorremos a convocatorias de axudas europeas, como un proxecto LIFE e un Horizonte, que lle foron concedidos recentemente e lle van dar o músculo financeiro suficiente para escalar o seu modelo de negocio. Un proxecto que nace noutro territorio ten así unha prolongación en Estremadura: xa abriu unha delegación con catro persoas traballando aquí. Iso é, en parte, o que pretendemos: xerar desenvolvemento mediante a atracción de talento doutros territorios a nivel nacional.
Hai que entendelo, ademais, no mundo global no que nos atopamos. Os proxectos de base tecnolóxica, se algo bo teñen, é que poden traballar moito tempo en remoto; non necesariamente teñen que estar nas grandes cidades. Desde Estremadura podemos ofrecer as nosas infraestruturas —espazos de coworking e coliving en condicións de usabilidade moi preferentes— para que estes proxectos sigan desenvolvendo e mellorando as súas solucións tecnolóxicas. Tratamos de impulsar o emprendemento tecnolóxico en Estremadura como unha cidade intermedia, pero cunha calidade de vida moi superior á desas primeiras cidades como Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia.
Con ese propósito naceu tamén o centro de emprendemento da Cámara de Comercio de Cáceres: traccionar talento cara ao noso territorio para mellorar a competitividade da nosa industria a través da implementación de solucións tecnolóxicas, solucións que viñan en gran medida de persoas emprendedoras e de startups. Iso levounos non só a mentorizar, asesorar e acompañar estes proxectos, senón que nos decatamos de que tiñamos a madurez suficiente para achegarlles de primeira man o acceso ao financiamento externo. Por iso, hai un par de anos, impulsamos a constitución de Cáceres Investor Hub.
Para pechar, que consello práctico lle darías a unha persoa fundadora que quere atraer investimento privado nunha rexión como Estremadura e non sabe como comezar a construír confianza?
O investimento privado basease moito na confianza: a que deposita a persoa emprendedora en quen inviste, e a que o equipo investidor deposita no equipo fundador. Por iso, un dos consellos prácticos que lle daría a unha persoa emprendedora ou a un grupo fundador é que se deixe asesorar, que escoite. O investidor ou a investidora non quere impor unha estratexia nin unha decisión, pero pola súa experiencia e expertise pode achegar valor e certas visións que quizais non se contemplaran ao inicio, e que poden axudar a tomar a mellor decisión.
Como persoas investidoras, o que queremos é que ese proxecto no que investimos medre, gañe cartos e escale. Ás veces é complicado que a persoa emprendedora interiorice esa mensaxe. En rexións como Estremadura, onde non temos unha densidade poboacional moi importante, ese calor, ese cariño, si llo damos ás nosas persoas emprendedoras. O noso fondo e a nosa rede de business angels non se limita a poñer capital en cada unha das investidas, senón que nos gusta ser ese socio industrial, ese socio colaborativo que achega un valor claro a través do coñecemento, da proximidade co resto de Administracións Públicas de Estremadura e dos nosos corporates colaboradores, que son os centros tecnolóxicos máis importantes en cada unha das verticais produtivas da rexión.
E un último apunte: cando asesoramos os nosos proxectos, dicimos que o financiamento externo está moi ben, pero que teñan presente que tamén é o máis dilutivo. Ese mix co financiamento público —a través de ferramentas e instrumentos como ENISA, os préstamos JEREMIE ou convocatorias públicas de axuda que poden ofrecer subvención directa para perfeccionar unha solución tecnolóxica— tamén debe ser tido en conta. Cando unha startup está levantando unha rolda non pasa absolutamente nada porque parte dese diñeiro o levante con cargo a financiamento público, e non necesariamente a financiamento externo privado.