Post
Persoa interesada no emprendemento innovador
16 xul 2026
5 minutos
Autor/a:
Example
Plataforma ONE
Tema

Moito máis ca networking: o valor estratéxico dos eventos para emprender

Os eventos convertéronse en catalizadores do emprendemento. Non son simples encontros, senón espazos onde as ideas atopan financiamento, os fundadores descobren aliados estratéxicos e os proxectos iniciais aceleran o seu crecemento. Nun ecosistema emprendedor cada vez máis conectado, saber aproveitar estas plataformas transformouse nunha competencia clave. Este webinar pretende descubrir como impulsar proxectos desde as súas primeiras etapas a través dos eventos.

Pabellon España

Cando unha startup está a dar os seus primeiros pasos, o foco adoita estar posto no desenvolvemento do produto, na captación de clientes ou na procura de financiamento. Porén, existe unha ferramenta que pode acelerar todos eses procesos ao mesmo tempo e que, en ocasións, pasa desapercibida: os eventos do ecosistema emprendedor.

Esta foi unha das principais conclusións do webinar «O poder dos eventos: como impulsar o teu proxecto desde as súas primeiras etapas», organizado pola Plataforma ONE e no que participaron Emilio Corchado, fundador de Startup Olé, e Ángela Castelló, CRO de Valencia Digital Summit (VDS).

A través das súas experiencias en dous dos principais encontros de innovación e emprendemento de España, ambos coincidiron nunha idea clave: os eventos non son simples espazos de networking, senón auténticas plataformas para xerar oportunidades, validar proxectos e acelerar o crecemento dunha startup.

Constrúe a túa rede antes de necesitala

Unha das mensaxes máis repetidas durante a sesión foi a importancia de construír relacións con antelación.
Moitas persoas emprendedoras comezan a procurar axentes investidores cando necesitan financiamento ou intentan contactar con potenciais clientes cando as vendas non chegan. Porén, as persoas expertas insistiron en que as relacións máis valiosas adoitan construírse moito antes de que apareza esa necesidade.

Os eventos permiten crear unha rede de contactos sólida formada por axentes investidores, empresas, universidades, aceleradoras, administracións públicas, medios de comunicación e outros emprendedores que poden converterse en aliados estratéxicos a medio e longo prazo.

A recomendación foi clara: non agardes a precisar axuda para comezar a xerar conexións. Investe tempo en construír relacións de calidade que poidan acompañar a evolución do teu proxecto.

Porque, en moitas ocasións, unha conversa de hoxe pode transformarse nunha oportunidade meses despois.

Antes de asistir, define que buscas realmente

Outra das aprendizaxes destacadas foi a necesidade de acudir aos eventos cun obxectivo concreto. Non todas as persoas emprendedoras buscan o mesmo nin todos os eventos ofrecen as mesmas oportunidades. Por iso, antes de inscribirte convén responder a unha pregunta sinxela: Que necesita agora mesmo o meu proxecto?

Pode ser financiamento, validación de mercado, talento especializado, clientes, visibilidade ou acceso a novos mercados. A resposta determinará tanto o tipo de evento ao que debes asistir como as persoas coas que che interesa conectar.

Se buscas financiamento, a túa prioridade será identificar os axentes investidores axeitados para a túa fase de crecemento. Se precisas clientes, deberás centrarte en empresas ou potenciais usuarios. Se o teu reto é reforzar o equipo, quizais debas achegarte a universidades, escolas de negocio ou comunidades emprendedoras.

Ter claridade sobre os teus obxectivos permite optimizar o tempo e multiplicar o impacto de cada encontro.

A regra de ouro: antes, durante e despois do evento

Os relatorios coincidiron en que o éxito da participación nun evento depende de tres etapas claramente diferenciadas.

Antes. A preparación é fundamental. Investigar quen asistirá, estudar perfís de interese, identificar posibles reunións e preparar un pitch claro e conciso son accións que marcan a diferenza. Os eventos actuais ofrecen ferramentas de networking, aplicacións e axendas de reunións que permiten planificar encontros con antelación. Aproveitalas é unha vantaxe competitiva.

Durante. O evento é o momento de xerar conversas e detectar oportunidades. Pero non se trata de acumular tarxetas de visita nin de manter o maior número posible de conversas. Tal e como destacaron as persoas expertas, a calidade das conexións é moito máis importante ca a cantidade.

Tamén é recomendable asistir a relatorios e mesas redondas relacionadas co teu sector. Moitas veces, as mellores conversas xorden xusto despois dunha intervención ou en espazos informais de networking.

Despois. Sen seguimento, os contactos perden valor rapidamente. Ambos os relatores recomendaron realizar un primeiro achegamento durante as 48 horas posteriores ao evento, agradecer a conversa mantida e propoñer os seguintes pasos de forma clara.

Un contacto sen seguimento é unha oportunidade desaproveitada.

Moito máis ca networking: validar, aprender e atopar talento

Aínda que os eventos adoitan asociarse ao networking, durante o webinar puxéronse sobre a mesa unha vantaxe menos coñecida: a súa capacidade para validar proxectos.

Presentar unha proposta ante axentes investidores, potenciais clientes ou persoas expertas do sector permite obter feedback directo sobre o modelo de negocio, detectar áreas de mellora e entender mellor as necesidades reais do mercado.

Ademais, os eventos son unha oportunidade extraordinaria para coñecer talento e atopar futuras persoas colaboradoras ou mesmo cofundadoras.

En fases iniciais, onde a construción do equipo adoita ser un dos principais retos, estes espazos facilitan conexións difíciles de conseguir a través de canles tradicionais.

Escoller ben tamén é unha estratexia

Outra mensaxe relevante foi que non sempre paga a pena asistir a todos os eventos dispoñibles. Cada encontro ten un perfil distinto, unha audiencia diferente e obxectivos específicos. Existen eventos máis orientados a financiamento, outros especializados en sectores concretos e algúns cun enfoque máis internacional.

Por iso, é importante seleccionar aqueles que realmente respondan ás necesidades do teu proxecto en cada momento. A clave non está en asistir a máis eventos, senón en asistir aos axeitados.

Unha oportunidade para impulsar o teu crecemento

Os eventos seguen sendo un dos espazos máis valiosos para calquera startup. Permiten conectar con axentes investidores, acceder a clientes potenciais, atopar talento, validar ideas e descubrir novas oportunidades de colaboración.

Pero, sobre todo, ofrecen algo difícil de replicar na contorna dixital: conversas presenciais capaces de xerar confianza e abrir portas que, doutro xeito, resultarían moito máis difíciles de atravesar.

Se estás a construír un proxecto emprendedor, incorpora os eventos á túa estratexia de crecemento. Prepárate, define os teus obxectivos e participa de forma activa.

Porque unha soa conversa pode converterse no impulso que a túa startup necesita para dar o seguinte paso.
Queres coñecer todos os detalles? Podes ver o vídeo completo do webinar e acceder paso a paso ás principais recomendacións compartidas durante a sesión.

Se non queres perder as próximas sesións, consulta a axenda de webinars da Plataforma ONE.

Queres publicar contido novo na Plataforma ONE?

Escríbenos!